mércores, 7 de maio de 2014

A TVG2 ESTREA A SERIE DE ANIMACIÓN COCORICO


Un dos personaxes de conto máis coñecidos polas nenos galegos, o pitiño Cocorico, da o salto á pantalla coa serie do mesmo nome, coproducida pola TVG e OQO filmes, que se empezará a emitir o vindeiro 12 de maio na TVG 2.
Cocorico, Mamá Galiña e Gato Pelado, os personaxes do álbum ilustrado escrito por Marisa Núñez e ilustrado por Helga Bansch, vivirán aventuras do máis divertido e disparatado con novos amigos, coma o galo Crechas, a ovella Cina ou a tartarura carteira. A serie, con guións de Luís López Alonso, música de Carlos Vázquez e dirixido por Zé Carlos Pinto, consta nesta primeira temporada, de 26 capítulos de 13 minutos.


O UNIVERSO COCORICO

A serie Cocorico, destinada a nenos e nenas de entre 3 e 9 anos, narra a vida cotiá dun pitiño rebuldeiro, curioso e, sobre todo, aventureiro. E faino dunha forma divertida, chea de acción, intriga e, sobre todo, sentido do humor, sen esquecer os aspectos didácticos.

Aínda que sempre busca novas aventuras, Cocorico é un pitiño algo asustadizo. No entanto, a súa teimosía convérteo ás veces en temerario, metendo o peteiro onde non debe en máis dunha ocasión e creando situacións de perigo, para as que necesitará sempre a axuda do seu entorno. Así, coñecerá o mundo que o rodea, aprenderá a tomar decisións e enfrontarse ás dificultades que no día a día lle van xurdindo.

Dun modo simbólico, Cocorico será para os pequenos espectadores un modo ameno e divertido de coñecer o mundo, as súas oportunidades e os seus problemas. Cocorico, ademais de entrerer, axudaralles aos cativos a medrar, a usar o enxeño e a imaxinación para superar os conflitos, aprender dos erros e, sobre todo, valorar a amizade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario